Friday 03 de May de 2024

Lage asegura que o pago da reforma da cuberta do estadio de Riazor se “fará coas máximas garantías”


 

O pleno aproba o plan económico financeiro que recolle un aumento do teito de gasto en 1,7 millóns de euros

O pleno aprobou esta mañá un modificativo de crédito, para facer fronte ao pago de obrigas extraxudiciais, e o recoñecemento de facturas entre as que se destaca os 3 millóns de euros para Tranvías, e un suplemento de crédito de 943.000 euros para prover o pago do sobrecusto detectado na reforma do estadio de Riazor.

O pago desta última actuación farase, segundo o voceiro do Goberno local, José Manuel Lage, “unha vez se finalice a investigación aberta sobre a orixe do desvío e os motivos do sobrecusto”.

“O pago desa factura farase sempre coas máximas garantías, e cando conte co aval de todos os servizos técnicos municipais”, apuntou Lage, que durante a intervención deixou claro que “abrimos unha investigación porque nos sorprendeu o desvío dun 12% no custo da obra”. Nesa líña, o goberno asumiu como propia a redacción dunha emenda de adicción presentada por Marea Atlántica ao entender que a mesma se axusta ao traballo de investigación que xa viña realizando o Goberno local e que consiste en dotar de seguridade xurídica ao Concello.

Lage explicou que “o Goberno ten plena confianza na profesionalidade dos servizos técnicos municipais, que serán os que informen con garantías a tramitación da citada factura de Riazor”.

Este punto do modificativo contou tamén coa aprobación e o respaldo dos grupos municipais do BNG e de Ciudadanos, que pediron tamén un control exhaustivo sobre os contratos e os pagos de débedas por parte do Concello.

A emenda presentada polo grupo popular para que se retirara da orde do día a aprobación do modificativo foi rexeitada polo resto de grupos ao entender que supón un retraso na xestión ordinaria do Concello.
Lage explicou que “con este goberno local se abre unha nova etapa, se algún grupo busca a confrontación pola confrontación non nos vai atopar”. Poñemos por riba de todos os intereses xerais da cidade, e nesa liña a man está tendida a todos os grupos”.

O pleno aprobou tamén, coa abstención do grupo popular, o plan económico e financeiro
2019-2020 presentado polo Goberno local e que despois de seguir os pasos indicados desde a Dirección Xeral de Política Financeira da Xunta.

O Goberno local introduciu algunhas modificacións sobre o plan elaborado polo goberno de Marea Atlántica co obxecto de incrementar o teito de gasto para os anos 2019 e 2010. O novo documento, que responde á obriga do Concello por vulnerar en 2018 a regra do teito de gasto, recolle un incremento para 2019 de 1,7 millóns de euros e que para 2020 pasará de 224,58 millóns a 226,31 millóns de euros.

O documento limítase a facer viable o gasto e a manter unha vixilancia máis estrita do mesmo, adaptándose á normativa en vigor. Laxe expresou o seu desexo de que Pedro Sánchez sexa investido presidente o antes posible e España conte cun goberno estable. Nesa liña lembrou a necesidade de poñer en marcha as reformas legais necesarias para darlle fin ás leis de Montoro e Rajoy que “estrangulan e amordazan a capacidade operativa das corporacións locais”.